LOCUCIÓN CEGOS FAIADO E PERIODISMO

O mítico faiado de Cunqueiro, coas fiestras que miran cara ao horto familiar e ao seu querido bosque da Silva é o escenario de creación onde xermolaron algunhas das súas obras máis recordadas.

Asistiron aquí as musas ao nacemento de Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, Si o vello Sinbad volvese ás illas ou Escola de menciñeiros, por citar só algúns exemplos. De aquí saíron tamén centos de artigos xornalísticos naqueles anos en que Álvaro Cunqueiro renace e recupera o seu lugar sinalado dentro da literatura e o xornalismo do seu tempo.

O xornalismo de Cunqueiro é, inevitablemente, tamén parte da súa literatura. A través dos seus innumerables artigos, mestura orixinal de ensaio, crónica de viaxe ou crítica artística e literaria, puidemos coñecer das opinións, amizades, gustos, lecturas ou obsesións do escritor.

Boa parte do retrato que hoxe cremos posuír de don Álvaro componse deses trazos e pinceladas extraídos da súa obra xornalística onde, sen as veladuras e filtros propios da súa outra produción escrita, nos amosa boa parte do seu ser.