Planta baixa

Acollida aos visitantes

A planta baixa da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, á que se accede dende os soportais do chamado Cantón Grande, alberga a recepción aos visitantes e un punto de información turístico e acolle, ademais, na súa parte interior, a Taberna de Galiana, establecemento de hostalaría que co seu nome evoca unha das vellas tabernas, imaxinaria neste caso, sobre as que en diversas ocasións escribiu Cunqueiro.

A Taberna de Galiana

Coma o resto da institución, a Taberna de Galiana contén recordos, fotografías, reproducións de textos, etc., e está conscientemente impregnada do espírito do escritor. O establecemento en si consta de dous espazos diferentes: a taberna propiamente dita, na planta baixa, e un comedor e galería no segundo piso. Dende a galería contémplase a que foi a horta interior da vivenda.