Primeira Planta
Sala sensorial
O primeiro andar do edificio que habitou Álvaro Cunqueiro ao longo de tres décadas alberga, por unha banda, a cociña do establecemento hostaleiro e, por outra, na estancia que mira á praza da catedral, o que chamamos “sala sensorial”: un espazo onde os visitantes poderán adentrarse e tomar contacto (a través dun audiovisual dúplice) coa que é, en canto a popularidade, a obra máis coñecida do noso autor: Merlín e familia i outras istorias, libro que viu a luz nas dependencias desta casa, alá polos primeiros anos cincuenta do pasado século.
A proxección dobre guiará ao visitante, coñecedor ou non da obra cunqueiriana, a través de varias pasaxes da novela. Diante da mirada asombrada de Felipe de Amancia — protagonista principal e alter ego, en certa maneira, de don Álvaro— han desfilar os singulares personaxes que habitan ou se acercan con calquera encomenda extraordinaria á casa do señor Merlín.