Segunda planta
Coñecendo a obra dun grande autor
A segunda planta do edificio divide os seus espazos entre o comedor do establecemento hostaleiro (que, como dixemos, se comunica coa horta do escritor) e unha sala dedicada a explicar a súa obra literaria, tanto no que corresponde á súa faceta poética como as súas creacións máis emblemáticas como narrador ou dramaturgo. Acompañando os distintos paneis gráficos, unha proxección audiovisual, fiada cos testemuños de diferentes persoeiros (Darío Villanueva, Víctor Freixanes, Armando Requeixo, Marina Mayoral, César Antonio Molina e César Cunqueiro, fillo do escritor), debulla os aspectos máis importantes da figura e obra do escritor.
Esta peza audiovisual recolle varios aspectos esenciais para se achegar á obra do escritor; describe os seus principais trazos de identidade literaria; aborda o seu acercamento circunstancial aos vencedores na guerra civil, e explora a substancial importancia que Mondoñedo ten en toda a súa obra. A versión completa do audiovisual poderá atoparse na páxina web da Casa-Museo.
Coma no caso doutros contidos extra, haberá traducións dos paneis de sala ou dedicados a persoas con discapacidade visual (accesibles todos eles a través de códigos QR). A institución, que é consciente das limitacións insalvables que impón o espazo, busca abrilo e amplialo coa axuda da tecnoloxía. De feito, a Casa-Museo está concibida na súa dimensión física como o primeiro nivel divulgativo da obra de Cunqueiro, ao que se lle poden agregar outros a través de contidos web e actividades in situ que profunden na divulgación das pezas cunqueirianas.
Ademais, expóñense nesta estancia edicións dalgunhas das súas obras máis destacadas, así como a única pucha orixinal conservada do mago Merlín e que, tras un complicado proceso de restauración, pode ser admirada polos visitantes.