Terceira planta
Os espazos íntimos de Cunqueiro
A planta máis alta do edificio ofrécelle ao visitante espazos máis recollidos e que o acercarán á peripecia vital do autor nas décadas en que o habitou, dende finais dos anos corenta ata que traslada a súa residencia a Vigo. A estancia que mira directamente á praza e á catedral mindoniense evoca o seu círculo familiar máis achegado, entre o que creceu e desenvolveu os seus dotes innatos de fabulador. O visitante coñecerá o seu lugar de descanso e mais a súa nai Pepita, o seu pai don Joaquín, os seus irmáns e o ambiente social onde prenderá a semente do seu futuro talento literario.
Nun segundo espazo interior deste andar agarda ao visitante un recuncho para a lectura onde terá á súa disposición unha pequena biblioteca na que follear obras de, ou sobre, o noso escritor. No aire tamén han bolboretar voces que nos len algún fragmento das súas obras e, igualmente, faltaría máis, a voz do propio Álvaro Cunqueiro.
Este pequeno ámbito de lectura dá paso ao que foi, sen dúbida, o sancta sanctorum creativo para o noso escritor: o faiado traseiro, o mítico “faio” de Cunqueiro, coas xanelas que miran á horta familiar e ao seu querido bosque de Silva, “que me servía para poner el fondo en las historias que más amé, y amo todavía”, como escribiu nunha ocasión. Conta esta sala con diversos elementos interpretativos que nos amplían o que xa vimos ou oímos sobre Cunqueiro. Trátase aquí de coñecer tamén a súa faceta como xornalista, non menos importante que o resto da súa obra. E igualmente, esbózase a enorme influencia que o ambiente artístico e literario do Mondoñedo do entón tivo no nacemento dun creador literario único. Adornan un recanto do espazo unha serie de retratos, obra de distintos autores, que compoñen unha pequena galería dedicada a Cunqueiro e as súas mil caras. Conservamos aquí algúns obxectos persoais, recordos, galardóns, manuscritos… do escritor. Entre eles sobresae a súa máquina de escribir, a súa querida Smith Premier 10, que campa na que foi a súa modesta mesa de escritorio.
Unha nova proxección audiovisual levará ao visitante moi lonxe, aos camiños xacobeos que reiteradamente visitou Cunqueiro na súa literatura. E á fin, unha pequena sorpresa ha lembrarnos a importancia desta estancia e da paisaxe familiar que cada día contemplaba o escritor dende as súas xanelas: a horta familiar e o veciño bosque de Silva, na ladeira próxima, sobre o que versaron tantos artigos xornalísticos ao longo dos anos.