LOCUCIÓN CEGOS POESÍA

“Poeta sobre todo”… Deste xeito rotundo cualificou a Cunqueiro o seu amigo, e tamén poeta, Miguel González Garcés.

O grande éxito da súa obra narrativa e a súa inxente produción xornalística deixaron en segundo plano para o gran público a súa grande envergadura como poeta.

Os seus primeiros poemas foron publicados na revista Vallibria de Mondoñedo, en 1930. Cunqueiro é xa nese momento un prometedor escritor que milita no Partido Galeguista.

En 1932, con vinte anos publica o seu primeiro libro de poemas, Mar ao Norde, onde trae ao galego o aire renovado das vangardas. A obra é editada por Ánxel Casal e ilustrada por Luis Seoane.

Do ano seguinte son dous poemarios máis Poemas do si e non e Cantiga nova que se chama Riveira, poemario no que se afasta da poesía de vangarda e se mergulla nas augas do chamado “neotrobadorismo”, movemento que se inspira formalmente na lírica medieval galego-portuguesa.

A Guerra Civil española estala en 1936 e vai confundir os camiños do escritor, que se afilia á Falanxe. Durante eses anos grises publica o seu único poemario en castelán, Elegías y canciones en 1940.

No 1960 publica Dona do corpo delgado, obra coa que deixa paso a un prolongado “silencio poético”. Aínda que Cunqueiro non deixa, xamais, de escribir poesía. Á fin, no ano 1980, próxima xa a súa morte, Herba aquí ou acolá, compilación dos versos escritos pausadamente nesas tres décadas anteriores.

Esta obra culmina a súa traxectoria como poeta e supón, ademais, a semente para a profunda renovación da lírica galega a partir dos anos oitenta.